Wednesday 08 de May de 2024

O Concello de Moeche incorpora tres persoas mediante programas doutras Administracións


O “POS Social”, o Aprol Rural e a colaboración provincial financian os tres contratos temporais

Moeche completou nos últimos días os procesos de selección para a cobertura de tres postos de traballo de carácter temporal, cos que se reforzarán distintos servizos municipais. Seguindo as bases de cada procedemento, o Concello acaba de contratar unha auxiliar administrativa con cargo ao POS Social 2021 da Deputación da Coruña, un peón forestal dentro do APROL Rural e, por último, un técnico que atenderá o Centro de Interpretación da Revolta Irmandiña, neste caso con financiamento da Deputación da Coruña.

No caso da auxiliar administrativa trátase dun contrato por acumulación de tarefas para un período de 6 meses a xornada completa. Desempeñará as funcións propias do posto reforzando o labor da área de Servizos Sociais en coordinación co persoal das oficinas de xestión e rexistro. Este contrato forma parte do POS+ 2021 Adicional 1, coñecido como “POS Social”, habilitado pola Deputación da Coruña para incrementar os recursos municipais dispoñibles neste ámbito.

Alén deste contrato, a semana pasada tamén se uniu ao departamento de Servizos un peón forestal mediante a subvención do programa Aprol Rural da Xunta de Galicia. O contrato ten unha duración de 9 meses a xornada completa para o desenvolvemento de tarefas de roza e limpeza.

Por último, este mércores tamén se incorporou o técnico que atenderá o funcionamento diario do Centro de Interpretación da Revolta Irmandiña situado no castelo de Moeche. O contrato ten unha duración inicial até o 31 de decembro, coas posibles prórrogas recollidas no regulamento da bolsa de emprego que se xerou no mesmo proceso de selección.

Sábado, 11.30 a 12.10h
“Canta Buguina” na Biblioteca Municipal

A rapazada máis noviña da casa -0 a 6 anos- ten unha cita este sábado na Biblioteca Municipal coa sesión de contacontos musicais “Canta Buguina”, que chega a Moeche da man do programa de dinamización da lectura “Ler Conta moito” da Xunta de Galicia.

Marta Ortiz cantará “viaxando polo mar, soprando a buguina, en igualdade, con amor e respecto”, tal e como indica a ficha deste espectáculo que require inscrición previa no 981404006 ext. 2 ou enviando unha mensaxe a pilar.pazo@moeche.gal

Aínda hai prazas nun dos grupos da Xeorruta por Mina Piquito deste sábado
Dentro das accións de dinamización do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal, o Concello de Moeche reedita as exitosas rutas que nos descobren os espeleotemas que gardan as galerías do antigo xacemento de cobre Mina Piquito.

Ofrécense un máximo de 10 prazas por quenda para maiores de 11 anos. Haberá dous grupos, un ás 10.00h, que aínda ten algunha praza por cubrir, e outro ás 12.15h. que xa está completo. As inscricións hai que facelas no formulario publicado aquí. O prezo son 10€ -no formulario indícase como efectuar o pagamento- incluído o seguro. Pode solicitarse máis información en turismo@moeche.gal.

O domingo, ruta por Santa Cruz
O Concello tamén prosegue coas súas andainas dominicais polo territorio. Este domingo tócalle á parroquia de Santa Cruz. A saída será ás 10:00 na igrexa de O Retorno e a chegada está prevista para a 13:00 no mesmo lugar.

O percorrido ten unha distancia de 12 km e pasará por Vilazanche, Amosa, Carracedo, Canosa, Coto Tellado, os muíños do Rego da Pradavella, A Ermida, Aquelabanda e O Castro.
A dificultade é baixa e polo tanto está recomendada para toda a familia. A rapazada menor de 13 anos deberán ir acompañada dunha persoa adulta.

Recoméndase levar roupa e calzado adecuado e chaleco reflector, ademais de bebida e algo de comer. As inscricións -gratuítas- hai que facelas este venres como moi tarde chamando ao 981404006 (ext3) ou mandando unha mensaxe a daniel.feijoo@moeche.gal